Código de conduta

Directivas da comunidade

Participar na comunidade elementary é unha experiencia incríbel; vai formar parte de algo grande, colaborar con xente de todo o mundo, e axudar a converter os seus computadores en equipos fantásticos. Con todo, isto conleva a responsabilidade de seguir un conxunto de normas predefinidas que aseguran a mellor contorna para todos os implicados. As seguintes normas han de ser cumpridas en todo momento mentres se estea implicado na comunidade, xa sexa en Slack, en GitHub, ou nalgunha páxina da comunidade elementary, en persoa ou en calquera outro lugar.

I. Respecto

Respectar aos demais é primordial. Asegúrese de respectar ás persoas e as súas opinións, as súas experiencias persoais, a súa privacidade e as súas ideas. Na comunidade de elementary non hai lugar para comentarios irrespectuosos ou ferintes. Cando critique, fágao de maneira construtiva e respectuosa. Os ataques persoais non se toleran. Ao recibir unha crítica construtiva, tómea en consideración e agradeza a crítica pola achega que implica, sexa cal for a súa postura.

II. Contido

A comunidade de elementary está composta por miles de usuarios de diferentes idades, crenzas e niveis de madurez. Polo que debe ser consciente do contido e das observacións que realice. Os espidos, a excesiva vulgaridade, os contidos políticos, relixiosos ou inapropiados non deben aparecer vinculados a elementary. En última instancia, son os moderadores de elementary os que teñen a palabra final sobre o que se considera inapropiado. En caso de dúbida, reflexione sobre se é algo que mostraría nun lugar cheo de xente, incluídos nenos e avós. Se non o ten claro, non o faga.

As imaxes compartidas en comunidades moderadas por elementary non deben conter temas que imiten a outros sistemas operativos, fotografías ou ilustracións que permitan identificar a ningún individuo ou de calquera outro contido que viole dalgunha maneira o noso código de conduta.

III. Murmuracións e especulacións

A pesar de que a natureza trepidante e excitante de elementary contribúe ao desexo de expandir rumores e especulacións, evíteo. A discusión de futuros plans está ben, pero sempre que sexa un feito non verificado, expóñao como unha especulación persoal ou non discuta sobre iso. Divulgar información incorrecta pode ir en detrimento da comunidade, especialmente se é desde unha perspectiva negativa.

IV. Discusións útiles

elementary impúlsase a través de persoas que se reúnen no seu tempo libre para crear algo especial. É importante respectar este feito e sempre tentar contribuír a un debate san e proveitoso. Nunha reunión, débese manter dentro do tema e estar en silencio a menos que teña algo proveitoso que achegar ao debate. Se se comenta algo na páxina web, débese manter dentro do tema de debate do contido da entrada da publicación ou tema da pregunta. Se participa nun debate promovido-dirixido tal como un seguimento, unha solicitude, unha lista de difusión, IRC ou Slack, non cree interferencias innecesarias discutindo temas que non foron incluídos; isto só desvía o debate e enturba os rexistros para aqueles desenvolvedores que non están presentes.

Como unha comunidade basicamente virtual, é importante evitar os aspectos potencialmente negativos de Internet. Non trolear; comezar pelexas ou facer observacións co só propósito de enfadar a alguén é infantil e inaceptábel. O correo non desexado tamén é inaceptábel; isto inclúe engadir ligazóns a sitios irrelevantes e repetidamente incluír ligazóns ao mesmo sitio. Se alguén está troleando ou realizando spam, ignoreo e expoña ao usuario.

V. Evitar conflitos

Se sente que alguén, xa sexa un contribuínte novo ou de longa data, está a comportarse de maneira groseira, fágallo saber. Anticiparse aos problemas antes de que se formen é fundamental. Todos temos un papel que desempeñar para axudar a que a comunicación flúa sen problemas na nosa contorna laboral (ás veces desafiante).

Do mesmo xeito, esfórcese sempre por ser profesional, preciso e respectuoso cando interactúe ou fale doutros proxectos, empresas ou persoas. Lembre que as súas palabras e interaccións poden percibirse como as da maioría da comunidade elementary. Aínda que a crítica construtiva pode ser útil, sempre hai que enfocala desde unha maneira positiva, e nunca terxiverse ou calumnie. Se non está seguro, abstéñase.

VI. Renunciar en forma considerada

As prioridades vitais, intereses e paixóns poden cambiar. Se te atopas inmerso nun proxecto de elementary pero sentes que debes abandonalo, faino de maneira que minimices o transtorno. Cando traballamos xuntos, o noso traballo e as nosas ideas deixan de ser propias; pasan a pertencer á comunidade de elementary como un todo. Informe a outros membros do equipo da súa intención de apartarse, e se é posible, axude a atopar a alguén que poida continuar co seu traballo. Como mínimo, asegúrese de que o seu traballo pode ser continuado cando se vaia.

Consecuencias

Se elixe non seguir este código de conduta ou de calquera outra maneira perturba a comunidade, reservámonos o dereito de facer o seguinte: alterar ou eliminar calquera contido que escribise; desactivar ou eliminar a súa conta en sitios de terceiros; desactivar a súa conta en Slack; ou, de calquera outra maneira, evitar que interactúe coa comunidade.


O código de conduta de elementary encóntrase baixo a licenza Creative Commons Attribution-Share Alike 3.0. Certos aspectos foron inspirados polo código de conduta de Ubuntu.